Sunday 28 de April de 2024

Feijóo renova o compromiso da Xunta co naval ferrolán a través das “capacidades económicas e industriais do goberno” para seguir acadando encargos que xa suman 750 m€


Lembra que “cando chegamos ao Goberno no ano 2009 Ferrol non tiña un só contrato novo” e salienta a importancia da existencia de novos pedidos “despois de sete anos”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou o compromiso do Goberno autonómico de seguir traballando e apoiando ao estaleiro ferrolán -Navantia- “coas posibilidades e coas capacidades económicas e industriais que ten o Goberno sabendo que o estaleiro ferrolán é unha empresa pública e en consecuencia sen ningunha competencia da Xunta”. No seu encontro co alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, ambos os dous mandatarios coincidiron na mellora da situación que ocupa ao naval ferrolán xa que “onde antes había cero pedidos, agora hai unha situación de carga de traballo” e “onde antes había gradas baleiras, agora hai unha situación de movementos significativos”.

Na xuntanza mantida co rexedor da cidade departamental, o naval foi o principal asunto abordado polos dous dirixentes. A este respecto, Feijóo lembrou que “cando chegamos ao Goberno no ano 2009 Ferrol non tiña un só contrato novo” e salientou a importancia da existencia de novos pedidos “despois de sete anos”. Tras valorar a situación do naval galego en xeral xa que “todos os estaleiros privados en Galicia están negociando ou xa materializaron novos contratos”, o presidente cifrou en 750 millóns de euros o investimento en contratos que ten asinados o estaleiro público ferrolán e sinalou que é unha contía “notable pero insuficiente” polo que “imos a seguir reforzando a nosa aposta polo naval”.

O presidente enumerou, tocante aos novos encargos de Ferrolterra, o acordo estratéxico asinado con Pemex dentro do que se botará o flotel nas próximas semanas; a construción do buque de acción marítima (BAM) para a Armada española; a transformación do buque Monforte de Lemos xestionada entre a Xunta e a Sepi; o precontrato para o deseño e equipamento dun LHD para a Armada de Turquía que supón unha carga de traballo do 100% no departamento de enxeñería de Navantia; a realización de 29 jackets de eólica mariña para Iberdrola; as 5 estruturas flotantes de eólica mariña para a filial de Statoil; o contrato de 2+2 petroleiros Suez-Max encargados por Ondimar do grupo Ibaizabal e que construirá o estaleiro de Ferrol xunto con Cádiz; así como recentes acordos no eido das reparacións que achegan carga de traballo suficiente.

No que atinxe ao traballo en prol do naval neste momento, o presidente da Xunta fitou cara dous sectores fundamentais como a construción civil e a diversificación, á que definiu como un “elemento estratéxico” e da que enunciou tres proxectos clave. Nun primeiro termo, Feijóo falou da eólica mariña e a súa compatibilidade coa construción naval, civil e militar; en segunda instancia destacou o hub gasístico que representa unha oportunidade par Reganosa como gran centro de distribución, para os estaleiros que aumentarán a súa capacidade de reparación e para o propio porto de Ferrol que gañará novos tráficos; e por último sinalou a importancia da conexión ferroviaria ao Porto Exterior de Caneliñas do que depende o futuro da terminal de contedores que se está instalando e que permitirá que o porto de Ferrol poida competir co resto dos portos de España. “Non facer esta infraestrutura e pegar na liña de flotación das capacidades de renovación e de emprego en Ferrol”, advertiu.

250 millóns de euros no saneamento da ría
En materia de saneamento, outro dos piares da xuntanza que mantiveron alcalde e presidente, a ría recibiu nos últimos anos un investimento de 250 millóns de euros dos cales a Xunta investiu máis do 40% (114 millóns de euros). O titular da Xunta resumiu que “nestas últimas lexislaturas onde máis se investiu en saneamento foi na ría de Ferrol” e que “estamos a piques de rematar toda a infraestrutura de saneamento” que estará en pleno funcionamento neste 2015.

Neste punto, Feijóo salientou a importancia da posta en marcha dun sistema de depuración coordinado de xeito mancomunado entre os concellos xunto coa asistencia técnica de Augas de Galicia que está a disposición da alcaldía para colaborar desde o punto de vista da explotación e o deseño para construír unha mancomunidade de municipios para explotar esta gran infraestrutura hidráulica desde o punto de vista medioambiental e do sector marisqueiro.

Plan de Loita contra a Desigualdade Económica
Ao igual que fixo co resto de rexedores, Feijóo subliñou a importancia da participación das distintas administracións no Plan de Loita contra a Desigualdade Económica impulsado desde a Xunta de Galicia.

Neste senso, o mandatario galego priorizou a loita contra as taxas de exclusión social. Así, fixo fincapé na necesidade de garantir o dereito a vivenda con independencia de que non se poida facer fronte á hipoteca ou ao aluguer, así como garantir o acceso á renda de integración social de Galicia sen pasar por lista de espera.

Feijóo uniu a estes obxectivos os novos programas impulsados pola Xunta entre os que se atopan o Proxecto Gardería e o Bono Coidador “para garantir ás parellas que os seus fillos poidan ter unha educación de 0 a 3 anos e que iso non sexa un problema para tomar a decisión de ampliar o número de nenos e de nenas que nazan en Galicia”.

No eido dos servizos públicos, o presidente salientou a importancia do traballo conxunto coa alcaldía para acadar avances. Deste xeito enunciou o incremento dun 88% nas prazas de gardería nos últimos anos, o novo centro para atención de enfermos de Alzheimer, a reforma do Centro de Atención á Discapacidade Souto de Leixa ou a reforma dos xulgados cun investimento de máis de 2 millóns de euros nos últimos anos.

Outro dos asuntos abordados na reunión mantida en San Caetano foi a débeda que o IGVS mantén co Concello de Ferrol, desde o punto de vista do pago de impostos, e a débeda que o propio concello mantén coa Xunta de Galicia por impago dos seus compromisos en materia de transporte metropolitano. O presidente da Xunta aclarou que en primeiro lugar débese concretar o “alcance e contido” da débeda do IGVS “e como podemos compensala a través da débeda que ten o Concello de Ferrol no plan metropolitano”.

Na súa intervención, o responsable do Goberno autonómico amosou a súa preocupación polo desemprego e apuntou que a recuperación da cidade ferrolá será unha das prioridades da Xunta xa que Ferrol é a segunda cidade de Galicia con máis paro. Do mesmo xeito, marcou a sanidade pública como un eido fundamental e avanzou que xa lle encargou á Consellería de Sanidade unha aproximación para mellorar as instalacións hoteleiras e de confort hospitalario do Hospital de Ferrol.